Sunday 19 de May de 2024

Feijóo salienta que o vindeiro derbi entre o Deportivo e o Celta busca aproveitar a forza do deporte a favor dunha causa solidaria: a doazón de sangue


Indica que a campaña que hoxe se lanza pretende lembrarlle ao afeccionado que, ao igual que é imposible ter un derbi sen el, tamén o sería contar cun sistema de doazón de sangue como o noso se non fose pola súa colaboración

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que o vindeiro derbi entre o Deportivo da Coruña e o Celta de Vigo busca aproveitar a forza do deporte a favor dunha causa solidaria: a doazón de sangue.

Así o aseguraba o titular da Xunta na presentación en Santiago da segunda parte da campaña Imposible sen ti, onde tamén estiveron presentes o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e os xogadores Sergio Álvarez e Pedro Mosquera, do RC Celta de Vigo e do RC Deportivo da Coruña, respectivamente e directivos de ambos clubs. Alí, o presidente da Xunta lembrou que os dous equipos foron os verdadeiros iniciadores dunha campaña que podía parecer que quedaría nun spot illado, pero que ten continuidade no tempo, demostrando que non se trataba dun xesto puntual senón dun compromiso permanente coa sociedade.

Con respecto a isto, o xefe do Executivo galego sinalou que, se ben daquela se quería reflectir que entre dous clubs paisanos pode haber fraternidade e se transmitían os valores dentro do estadio, agora búscase aproveitar a forza do deporte a favor dunha causa que paga a pena, como é a doazón de sangue.

Deste xeito, o titular da Xunta fixo fincapé en que a campaña que hoxe se lanza pretende lembrarlle ao afeccionado que, ao igual que é imposible ter un derbi sen el, tamén o sería contar cun sistema de doazón de sangue como o noso se non fose pola súa colaboración.

O Centro de Transfusión de Galicia, un exemplo
O máximo responsable autonómico recordou o nacemento do sistema que hoxe representa o Centro de Transfusión de Galicia. E, incidiu en que a doazón de sangue depende de todas e cada unha das persoas que deciden realizar este xesto altruísta e lembrou que Galicia precisa 500 doazóns diarias para poder atender as demandas dos seus hospitais.

Como destacou, conseguilas non é doado, pero a solidariedade do pobo galego demostrou durante estes anos que non é imposible. De feito, máis de 400.000 persoas están censadas como doantes desde 1993 e, grazas a elas e a todos os profesionais do Centro de Transfusión de Galicia, cada ano se fan 110.000 doazóns no conxunto do país.

O presidente da Xunta concluíu asegurando que no vindeiro derbi non só se medirá o número de goles, senón o número de afeccionados que doen sangue: “Gañe quen gañe, será un triunfo de todos os galegos”, dixo.